Fai uns anos, chegou a min unha frase sinxela: "A mediciña é
Unha". Segundo a definición de "Unha" é "
Sen diferenzas en si mesmo que permitan establecer
divisións". Iso coincidía coa visión do antigo paradigma
holístico, no que corpo, psique e contorna eran divisións
imaxinarias que agochaban a certeza de que o corpo non
enferma sen que tamén o fagan a mente e a contorna, entendida
ésta última como todo o que influe sobre o ser humano, dende
o medio ambiente ata o medio social, pasando pola
alimentación e o campo cultural.
Botando man do senso común, o deterioro do medio ambiente,
afecta a nosa saúde, xa que nutrímosnos, respiramos e bebemos
deste. E igualmente, a calidade das nosas relacións
interpersoais afecta importantemente ao noso estado de ánimo
e, polo tanto, á nosa saúde. Así mesmo, as convencións
culturais, coma por exemplo o machismo, afectan o benestar
das persoas que o sufren.
A mediciña antigamente unificaba campos tan diversos coma a
astroloxía, as matemáticas e as humanidades na arte da
curación. Crían que o ser humano era máis que un corpo e o
espectro de coñecementos para comprender esta complexidade
era a máxima posible. Iso contrasta co reduccionismo que se
instauró a partires de Descartes, onde o ser humano
entendeuse só coma un corpo e a suma das suas partes. Dende
ese intre, a mediciña afastouse do humanismo e da contorna, e
cebouse de se mesma, orixinando especialidades que entenderan
e atenderan ás partes dese corpo. Deixouse os estados
anímicos para outra disciplina, a psicoloxia. E a contorna
para a ecoloxía.
A universalización dos coidados da saúde, trouxo consigo a
comercialización deses coidados, coa introducción masiva de
fármacos. Pílulas e bebedizos custeados polos sistemas
nacionáis de saúde para ir capeando síntomas sen investir
moito tempo en dar consellos ou escoitar á persoa enferma.
Unha mediciña de masas necesaria para permitir universalizar
a asistencia, pero que pervertiu o concepto de mediciña. Por
unha banda, a gratuidade do servizo contribuiu a restarlle
valor entre xs usuarixs; e por outra banda, reduciu a
impersonal relación terapéutica entre paciente e médico a
unha breve narración dos síntomas para obter un tratamento. E
como titulo esta reflexión, a terapia é unha linguaxe, é unha
vía de comunicación entre axudante e solicitante de axuda. É
algo máis que asistir a un corpo. Algo máis que atender e
tratar uns síntomas para acalalos. Certo que o corpo "fala" a
través deles, pero se somos máis que corpos, escoitar o que
hai máis alá deses síntomas, non só é bo, senón que é
imprescindíbel para chegar a sua causa e poder tratala para
aspirar a curar, non só a paliar síntomas. Esta é a vocación
das terapéuticas chamadas alternativas, establecer linguaxes
que comuniquen, non só o terapeuta co corpo da persoa
atendida, senón coa sua integridade física, emocional, mental
e ambiental.
Dende que me iniciei neste apaixonante mundo da terapéutica,
aprendín algúns destes linguaxes. Aprendín das artes
curativas da acupuntura oriental, do coñecemento da ayurveda.
Aprendín a tratar doenzas e enfermidades con imáns, con
remedios florais, con homeopatía, coas mans ou cunha axeitada
elección dos alimentos e dos nutrintes. Pero sobre todo,
aprendín a escoitar e ver á persoa que pide axuda. Aprendín
que me ensinaban e que a terapéutica ten moito de pedagoxía.
Só quen está en disposición de aprender, pode sandar.
A pesares da grande variedade de terapias existentes,
ningunha é mellor ou peor que outras, o mesmo que non hai
idiomas mellores ou peores. Todos sirven ao mesmo fín,
comunicar. Todas as terapias sirven ao mesmo fín, sandar. É a
persoa que exerce de terapeuta quen fai boa a terapia en
función da calidade da sua mensaxe e da sua habelencia de
transmitilo. A clave para recibir axuda é a boa elección, non
da terapia, senón da persoa que vai tratar coa persoa
enferma, o confidente que vai a escoitar a nosa historia e da
cal extraerá a mellor mediciña: a nosa verdade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario